O actual secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense e senador, Rafael Rodríguez Villarino, anunciou este sábado a retirada da súa candidatura para liderar de novo o partido na provincia.
A decisión chega tras analizar o escenario das primarias e manter conversas co conxunto da militancia socialista ourensá.
Rafael Villarino retira a súa candidatura á secretaría do PSdeG de Ourense
«É tempo de dar paso a un proxecto renovado que prenda cada vez máis ilusión na militancia socialista«, afirmou Villarino. Este apelou á necesidade de construír unha alternativa «innovadora, crible e apaixonante para a nosa terra«.
Na súa declaración, manifestou a súa disposición a apoiar unha candidatura que represente «competencia, renovación e frescura de ideas«. Tamén deberá estar baseada na «ética, lealdade e integridade«. Estes elementos, considerados esenciais por Villarino, permitirán sementar a confianza e defender os intereses colectivos por riba dos particulares ou de faccións.

Villarino lembrou que xa no pasado puxo o seu liderado a disposición para facilitar un goberno municipal en Ourense. Nesta ocasión, dá un paso ao lado «coa esperanza de que agrome unha iniciativa política da que medren a xustiza social, a igualdade, a liberdade e o compromiso co servizo público que definen as nosas siglas«.
Finalmente, expresou a súa profunda gratitude á militancia ourensá polo apoio recibido ao longo dos anos. No contexto do proceso de renovación, desexou que «a creatividade e o esforzo da socialdemocracia ourensá forxen proxectos políticos que eleven a prosperidade do noso territorio«.