As Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española, organizadas polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, converterán o mes de novembro nun tempo para a reflexión, o diálogo e a recuperación da memoria democrática.
O programa, que se desenvolverá os días 15, 22 e 29, combina conferencias, homenaxes e presentacións literarias arredor do pasado recente de Galicia e do Estado.
Celanova afonda na memoria da Transición con tres xornadas de reflexión e cultura
A primeira cita, o sábado 15 de novembro, centrarase en Meirás como espazo de impunidade franquista e símbolo da loita pola recuperación da memoria. O investigador Carlos Babío, coautor do ensaio Meirás, un pazo, un espolio, un caudillo, e Rubem Centeno, especialista na historia do cárcere da Coruña, analizarán o papel das mobilizacións sociais e dos colectivos memorialistas na recuperación do Pazo e na denuncia da represión durante a Transición.

O encontro terá lugar no Salón de Arcos da Casa do Concello, ás 11.45 horas. Previamente terá lugar unha homenaxe ás vítimas do cárcere de mulleres de Celanova, ás 11.00 horas, no edificio dos Xulgados.
A segunda xornada, o sábado 22, traerá a poesía combativa de Celso Emilio Ferreiro cun acto no Auditorio Municipal (AMIC). Presentaranse dúas obras inéditas do poeta celanovés: O Cabronario, recompilación de poemas antifascistas escritos entre 1950 e 1973, e Pido unha patria ao mundo. O evento contará coa presenza de Xabier Ferreiro, fillo do autor, Xabier Romero, director da Editorial Elvira, e tres recoñecidos especialistas na súa obra: María Xosé Porteiro, Antonio G. Teijeiro e Ramón Nicolás.
O ciclo pecharase o sábado 29 de novembro coa presentación do libro A Transición na Galiza e unha mesa redonda sobre A Transición en Ourense. A primeira sesión, ás 11.45 horas na Casa dos Poetas, estará a cargo do historiador Francisco X. Redondo Abal, que analizará a persecución ideolóxica a través das actuacións do Tribunal de Orde Pública. Pola tarde, ás 16.30, reunirase unha mesa de protagonistas ourensáns da época: Dolores Alonso Reverter, Manuel Peña Rey e Nemesio Barxa, entre outros convidados.