A Casa do Pobo provincial de Ourense acolleu este xoves un novo parladoiro aberto á cidadanía organizado polo PSdeG-PSOE.
Este novo parladoiro contou coa participación do historiador e fundador da Unidade Militar Democrática, Xosé Fortes Bouzán.
Xosé Fortes Bouzán protagoniza un novo parladoiro
Baixo o título “A conquista da Democracia”, Fortes realizou unha profunda análise sobre a transición democrática en España. Na análise destacou o papel fundamental da loita social para derrubar a ditadura franquista.
Nunha sala ateigada de asistentes, o historiador subliñou que “o ditador morreu na cama, pero a ditadura morreu na rúa”, resaltando o esforzo colectivo que fixo posible o cambio político. Ademais, lembrou a fundación da Unidade Militar Democrática en 1974, unha organización clandestina que buscaba acelerar a chegada da democracia ao país.
Durante a súa intervención, Xosé Fortes tamén fixo unha comparativa entre os procesos de democratización en España e Portugal. NEsta comparativa fixo fincapé na Revolución dos Caraveis e nas diferenzas entre os exércitos de ambos países ante a caída das respectivas ditaduras.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, encargouse da presentación do acto, destacando a importancia destes parladoiros como espazos de “deliberación, intercambio de impresións e coñecemento”. Villarino eloxiou a figura de Fortes Bouzán como “un excelente relator para profundar na historia dun ben tan prezado e tensionado nos nosos días como é a democracia”.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense agradeceron a ampla participación cidadá sen distincións ideolóxicas e animaron aos ourensáns a asistir aos próximos encontros na Casa do Pobo. “Este espazo estará sempre aberto para xerar debates e ideas que impulsen o desenvolvemento da cidade, da provincia e do país”, aseguraron os socialistas.