Un total de 10 medidas é a proposta que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova fai para as eleccións do 28 de maio ós partidos que se presentan ós comicios.
Os dez concellos que forman a comarca de Celanova terán o 28 de maio unha xornada democrática á que se presentan varios partidos políticos.
10 medidas de memoria histórica para as eleccións
Aproveitando esta situación e ante a presentación dos distintos programas electorais, o Comité de Memoria Histórica presenta 10 demandas urxentes para que as distintas agrupacións as incorporen.
- Retirada de todos os vestixios fascistas no concello ao abeiro da Lei de Memoria Democrática de 2022.
- Resignificación ou recuperación dos espazos que foron ocupados pola simboloxía franquista fomentando actividades de memoria nos mesmos.
- Creación dun Lugar de Memoria no cemiterio de San Breixo, en Celanova, xa documentado como lugar de memoria, e instalación nel dun memorial ás vítimas do franquismo.
- Documentación, catalogación e recuperación de espazos de memoria: como o camiño até o Outeiro da Obra que construíron os presos do cárcere franquista de Celanova, ou como a Poza das Ras en Verea.
- Documentación e protección da pintada ‘Adiante Semanario’ na fachada do Mosteiro de Celanova, obra das Mocedades Galeguistas.
- Sinalización no concello da Bola e nos concellos veciños de Celanova e Verea do memorial de Xosé Vizoso ás vítimas do franquismo no Furriolo.
- Apoiar unha investigación integral do acontecido no Furriolo despois do golpe de Estado de 1936, e elaboración dun censo de execucións extraxudiciais.
- Colocación dunha placa no edificio dos Xulgados en Celanova en lembranza das mulleres que sufriron alí condena.
- Creación no Mosteiro de Celanova dun Centro de Interpretación da Memoria Histórica de Celanova e a súa comarca.
- Recoñecemento institucional e homenaxe nos diferentes concellos ás últimas corporacións municipais da II República.