O Concello do Pereiro de Aguiar convida a todas as familias a participar na Feira Miúda, un espazo creado especialmente para os máis pequenos e pequenas no marco da VI Festa Etnográfica do Pereiro, que terá lugar o sábado 13 de xullo en Loñoá.
A cita contará cunha ampla programación de actividades infantís que combinarán tradición, cultura, teatro, música e xogos.
Diversión en familia na Feira Miúda do Pereiro
A partir das 11:00 horas dará comezo esta xornada festiva coa apertura da VI Festa Etnográfica e os obradoiros de Xogos Populares e Tradicionais. Estes xogos están organizados polo Centro Cultural Xaquín Lorenzo “Xocas”, que ofrecerá tamén actividades específicas tanto para cativos como para adultos.
Ás 12:30 será a quenda da representación teatral “5 minutiños máis”, unha proposta pensada para público familiar. Xa pola tarde, ás 17:30, terá lugar o contacontos “Unha escoliña de lobas”. Ás 18:00 horas, haberá un concerto punk-infantil a cargo de Peter Punk e Brais das Hortas, unha mestura de música e humor que promete non deixar a ninguén indiferente.
Un dos pratos fortes da programación será o gran xogo teatralizado “Viaxe polo mundo dos contos”. Esta proposta celebrarase en varias quendas ao longo do día: ás 11:30, 13:00, 16:30 e 19:00 horas.
Durante toda a xornada tamén estará dispoñible un punto de intercambio de libros infantís e un obradoiro de pintacaras.

Con esta aposta pola cultura e o lecer educativo, o Concello do Pereiro reforza o seu compromiso coa infancia e coa transmisión do patrimonio cultural galego, convertendo a Feira Miúda nun espazo único para gozar en familia.