Noticias

O BNG reclama activar o transporte metropolitano

O BNG esixe a posta en marcha do transporte metropolitano na comarca de Ourense e defenderá no pleno municipal deste luns unha moción para reclamar que se execute o acordo alcanzado en marzo de 2026.

A formación nacionalista acusa á Deputación, ao Concello de Ourense e á Xunta de Galiza de atrasar un servizo que consideran clave para a mobilidade de preto de 150.000 habitantes.

O BNG reclama activar o transporte metropolitano

O concelleiro e deputado provincial Xosé Manuel Puga asegurou que o acordo alcanzado en marzo contemplaba a ampliación de oito liñas do transporte urbano aos concellos da contorna, con novos intercambiadores, coordinación das concesións autonómicas e unificación de billetes e bonificacións.

O BNG reclama activar o transporte metropolitano
Foto: BNG

Segundo o BNG, na reunión do pasado 15 de xullo Concello e Deputación presentaron unha proposta diferente, alegando o elevado custo do proxecto. Os nacionalistas consideran que este cambio pon en risco a súa implantación.

A moción propón recuperar o acordo inicial e implantar o servizo durante un período de proba de tres anos. O BNG estima que o custo anual rondaría os tres millóns de euros e defende que sexa a Xunta quen asuma o seu financiamento.

Botón volver arriba