A libraría OZOCOgz do Carballiño prepara para novembro unha programación con contacontos, poesía, música e presentacións literarias.
As actividades desenvolveranse entre os días 6 e 21 e contarán coa participación de autores e artistas galegos.
OZOCOgz programa cinco actividades culturais para novembro
A programación comezará o venres 6, ás 18:30 horas, cunha sesión de contacontos a cargo de Zeltia Pino, dirixida a público de todas as idades. A actividade incluirá varios títulos da editorial Kalandraka.
O sábado 7, ás 12:30 horas, será a quenda de Ste & Wer, cun recital-concerto que combinará os poemas de Stela coa música de Werner. A proposta será de taquilla inversa e incluirá unha degustación de viño da Adega Pousadoiro, de Castrelo de Miño.
O escritor limiao Antón Riveiro Coello regresará ao Carballiño o sábado 14, ás 12:30 horas, para presentar a súa última novela, Os abandonos, na que aborda cuestións como os coidados, a vellez, a saúde mental e as relacións familiares.
Pola súa banda, Inma López Silva presentará o xoves 19, ás 19:30 horas, Despois de San Castelao. Unha biografía do mesías galego, unha obra divulgativa sobre as distintas facetas da figura de Castelao e primeiro título da editorial Moléculas.

A programación rematará o sábado 21, ás 12:30 horas, cun vermú literario con Miguel Anxo Fernández arredor de Buscando a Dalia, a última novela protagonizada polo detective Frank Soutelo. Se o tempo o permite, o encontro celebrarase diante do antigo Forno da Elvira, na rúa Curros Enríquez. O vermú correrá a cargo de Povarelo.

