A vila de Ribadavia terá un Malgosto ben organizado grazas ó traballo realizado pola asociación Arteficial que programou este peculiar evento para este sábado, 3 de decembro.
O evento contará con gastronomía, música e actividades para os máis cativos nunha data pouco habitual para a celebración dun magosto «normal». Arteficial define o seu Malgosto como un «magosto que sae mal».
Ribadavia terá un Malgosto ben organizado
A partir das 18h, o Malgosto dará comezo na Igrexa da Madalena. A festa contará con música tradicional e Dj para aportar a animación necesaria. Bebida e chourizos estarán a venta a prezos reducidos mentres se realizan as actividades para os cativos. Os nenos e nenas de entre 5 e 8 anos poderán participar nun obradoiro de creación de xogos con material reciclado.
Durante a celebración do Malgosto, os responsables de Arteficial impulsarán unha tarefa de comunicación coa veciñanza. Escoitar as necesidades dos residentes no casco histórico e as propostas de cara á próxima edición do festival Arteficial son algúns dos obxectivos que se perseguen durante a festa.