O PSdeG-PSOE estuda acudir como acusación popular ó xuízo contra Manuel Baltar que terá lugar o 31 de maio no Xulgado do Penal de Zamora.
A polémica pola sanción a Manuel Baltar tras ser detectado conducindo un coche oficial da Deputación de Ourense a 215 km/h segue moi viva.
O PSOE estuda acudir como acusación popular contra Manuel Baltar
Tras celebrarse o xuízo rápido, o proceso pasa ó Xulgado Penal de Zamora que fixou a data do 31 de maio para xulgar o caso. O PSdeG-PSOE de Ourense, por medio do seu voceiro Rafael Rodríguez Villarino, indicou que podería presentarse como acusación popular.
«Que persegue o PP contando cunha persoa encausada polo penal e tan pouco exemplar á fronte da Deputación, como candidato en Esgos e como persoa que está a presentar aos candidatos deste partido na provincia» sinala Villarino.
Presentarse como acusación popular sería «non só por xustiza; tamén porque cremos que é necesario que se tomen medidas para rehabilitar a un condutor temerario». Ante as informacións que sinalan a existencia doutras sancións anteriores por exceso de velocidade, Villarino destaca que «é necesario que a provincia de Ourense teña cargos exemplares que sirvan de referente a toda a cidadanía e que as persoas que necesitan tratamento o reciban e sexan rehabilitadas».