Noticias

Recollen sinaturas para mellorar a sanidade no Pereiro de Aguiar

Integrantes do BNG recollen sinaturas para contribuír a mellorar a sanidade no concello do Pereiro de Aguiar e pedir novos servizos.

«Desde hai algo máis de dous meses estivemos a recoller sinaturas entre a veciñanza do Pereiro de Aguiar para reclamar a mellora dos servizos sanitarios que actualmente se prestan no noso Centro de Saúde» indica o portavoz municipal do BNG, Rubén García.

Recollen sinaturas para mellorar a sanidade no Pereiro de Aguiar

Estreado a finais do ano 2020, o novo Centro de Saúde do Pereiro cubría unha imporante demanda existente no concello. Cunha inversión realizada superior ó millón de euros, esta infraestrutura permitía á veciñanza contar cunhas instalacións sanitarias de case 700 m2.

A construción desta nova infraestrutura non permitiu mellorar os servizos prestados segundo lembra Rubén García. «A pesares do gasto efectuado e dos múltiples anuncios realizados, o Centro de Saúde non supón un incremento da carteira dos servizos sanitarios que recibe a veciñanza do Pereiro de Aguiar».

Unha das principais reivindicacións é a ausencia de atención pediátrica. «Somos o único concello da provincia con máis de 6.000 habitantes que carece deste servizo» a pesar de ser «dos poucos concellos que ve como aumenta a súa poboación ano a ano». Actualmente máis de 800 nenos e nenas do Pereiro de Aguiar teñen que desprazarse ó Centro de Saúde de Valle Inclán na cidade de Ourense.

Recollen sinaturas para mellorar a sanidade no Pereiro de Aguiar
Iago Tabarés e Rubén García. Foto: BNG

Iago Tabarés, deputado autonómico, sinalou que «xa denunciamos que a renovación dunha infraestrutura sanitaria tan importante non levase aparellada unha substancial mellora na atención sanitaria da poboación e dos servizos que se prestan como é pediatría, fisioterapia, odontoloxía ou hixiene buco-dental».

Botón volver arriba