Nun contexto no que a despoboamento ameaza moitos dos nosos concellos, iniciativas como a Casa Niño A Parruliña están a marcar a diferenza para garantir un futuro no rural.
Estes pequenos espazos de coidado infantil non só facilitan a conciliación das familias, senón que tamén representan unha aposta pola revitalización das aldeas, ofrecendo servizos esenciais alí onde máis se necesitan.
Casa Niño A Parruliña: coidando o futuro no rural
No concello de Taboadela, unha desas persoas que impulsan o cambio é Rita Doallo, responsable dunha casa niño que se converteu nun punto de referencia para a comunidade. O seu compromiso e dedicación permiten que moitas familias poidan quedar no rural sen renunciar a un servizo de calidade para os seus fillos.

Falamos con ela para coñecer de primeira man o impacto deste proxecto e a súa visión sobre o futuro do rural galego.
Como xurde a idea de establecer unha casa niño no concello de Taboadela?
Levaba varios anos traballando como educadora sen unha estabilidade clara, afrontando precariedade, temporalidade. Nese contexto, decidín que tiña que atopar unha opción laboral que encaixase na miña vida, que me permitise conciliar coa vida familiar, na que eu puidese aportar a miña experiencia e que fose no rural. A través de coñecer a experiencia doutras casas niño, vin a creación dunha casa niño como moi interesante. Explorei varios concellos que cumprisen os criterios de apertura, e o máis próximo ao meu (eu son de San Cibrao) era Taboadela.
Un dos obxectivos que teñen a implantación das casas niño en Galicia é contribuír a asentar poboación en zonas rurais. Pensas que é importante para os cativos poder dar eses primeiros pasos nun entorno próximo ao seu fogar?
É importante para as crianzas ter un lugar no seu propio contexto do rural, que podan medrar vendo que é posible vivir no rural. Pero fundamentalmente vexo que é imprescindible para as familias. De non haber recursos de atención a infancia próximos, inevitablemente hai que recorrer ás cidades ou outras opcións máis afastadas, contribuíndo a vivir no lugar onde teñas os servizos dispoñibles.
Cales son as principais demandas das familias que confían en vos para o coidado dos seus fillos e fillas?

A casa niño é un modelo moi familiar e flexible, onde nos podemos adaptar aos ritmos propios de cada crianza. Co cal, as familias en realidade veñen buscando precisamente esa familiaridade e esa facilidade de entender a casa niño coma unha prolongación da súa propia casa para as nenas e nenos, onde se teñen sono van poder durmir unha sesta sen agardar a un horario marcado, por exemplo. Tamén destacan o contacto directo coa natureza como algo que queren para ás súas crianzas.
O modelo actual de sociedade fai que moitas familias necesiten un servizo coma este para poder conciliar. Que vantaxes atopamos nunha casa niño con respecto ao modelo tradicional de escola infantil?
A atención é personalizada, o máximo de prazas que pode ter unha casa niño é 5. Isto tradúcese en adaptar os horarios, actividades, ritmos ás propias necesidades de cada un dos peques. A unha hora determinada un pode estar tomando unha merenda, outro vendo un conto, e outro máis durmindo no seu berce. Como sería na dinámica normal dun fogar.
A asistencia a unha casa niño ou escola infantil é necesaria para cubrir as necesidades laborais de conciliación, pero non é algo que un bebé precise. Por iso é de xustiza que a atención sexa o máis semellante posible á que poderían ter na súa propia casa.


Cales son os maiores retos aos que vos enfrontades na vosa labor?
O noso maior reto é a nosa situación de precariedade. Somos autónomas pero dependentes da Xunta ao 100%, e cunhas condicións económicas extremadamente limitadas para cubrir todos os gastos. O futuro do modelo das casas niño non está garantido nin salvagardado pola administración, que é quen non financia.
Ser emprendedor no rural, é posible?
Ser emprendedora no rural é complicado. Supoño que dependendo do sector, é máis ou menos viable. Os servizos coma este, non deberan ser entendidos como posibles unicamente se son rendibles; os servizos teñen que estar para soster a vida, sen outro tipo de valoración detrás.

