Xabier Díaz leva máis de dúas décadas traballando coa música de raíz galega, combinando a recolleita de tradición oral cunha posta en escena contemporánea e profundamente emocional.
Coas Adufeiras de Salitre ao seu carón, soubo crear un proxecto único que dá voz ás cantareiras, ao ritmo ancestral do adufo e ás historias transmitidas de xeración en xeración.
Música, memoria e emoción: entrevista a Xabier Díaz
O 4 de maio de 2025, Xabier Díaz realizará un concerto na cidade de Ourense coincidindo coa celebración da Festa dos Maios. Para coñecer mellor a este artista e o traballo que realiza, mantivemos unha conversa.

Nesta entrevista, Díaz afonda no seu proceso creativo, fala dos desafíos e do futuro da música tradicional, e reflexiona sobre o papel da cultura como ferramenta de conexión e resistencia.
Cando empezaches no mundo da música tradicional galega, houbo algún momento ou persoa que marcase o teu camiño?
Houbo duas persoas importantes, a primeira foi o meu primeiro mestre de gaita Manolo Doval, e o segundo Henrique Peón, que me achegou ao baile tradicional e co que participei dos primeiros traballos de campo.
Traballaches en proxectos moi diversos (Berrogüetto, aCadaCanto, etc.). Que aprendiches de cada etapa?
Moitísimas cousas, cada etapa foi unha oportunidade de aprendizaxe, unha nova experiencia. Teño a certeza de que moitas das cousas experimentadas no camiño, seguen a ser ferramentas coas que sigo a realizar a miña actividade na actualidade.
Que significa para ti a tradición oral e como a incorporas no teu proceso creativo?
Cada vez de xeito máis indirecto e orgánico, quero dicir que cada vez me acompaña máis sen parecer estar tan presente. Son incapaz de traballar sen esa marabillosa influencia.
Hai algunha aldea, persoa ou historia concreta que te emocionase especialmente durante o teu labor de recolleita?
Moitas, as mulleres da aldea de Monzo na Coruña, o Nela de Bres (gaiteiro), Maruja das Cortellas de Soutomaior, ou Concha do Canizo (na Gudiña)
No proceso de escoller e crear un novo tema, pensas primeiro na mensaxe, no ritmo ou na emoción?
Non hai unha fórmula, nace unha parte, un retrouso ou unha idea na que conxugo melodía, armonía e palabra.
Cal cres que é o papel da música tradicional na sociedade actual? Cres que hai un cambio xeracional na forma de entender a tradición?
Hai unha reactualización, inherente á propia tradición, estamos desfrutando dun renacemento en clave do século XXI.

Como ves o futuro da música tradicional galega?
Son optimista, creo que seguirá reformateándose, que creo que é o mellor que lle pode pasar.
No ano 2024 presentaches o teu último disco “Axúdame a sentir” e recentemente o “Cancioneiro Galego Serodio”. É momento de difundilos ou xa estás preparando novos proxectos?
Concentro todas as enerxías na difusión destes dous traballos. Nalgún momento comenzarei a preparar cousas novas…