O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, fixo un balance moi positivo da festividade dos Maios celebrada este domingo.
Pérez Jácome afirmou que “foron sen dúbida os mellores da historia, tanto pola excepcional calidade artística dos maios que se presentaron ao concurso como polo alto seguimento e participación cidadá durante toda a xornada«.
Jácome: “Foron os mellores Maios da historia”
A cidade entregouse a unha das súas festas máis senlleiras, que cada ano rende homenaxe á chegada da primavera e que xa é un referente en toda Galicia. Este primeiro domingo de maio, as rúas de Ourense encheron de cor, música e sátira con 61 maios que se concentraron na Praza Maior e na Praza de Santa Eufemia.
Alí veciños e visitantes puideron contemplar as figuras e escoitar ou ler coplas cargadas de enxeño e retranca, fieis á tradición oral desta celebración centenaria.

O colofón á xornada puxérono Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, cun concerto que comezou xa entrada a noite e mantivo ao público entregado durante dúas horas. A súa actuación foi o broche perfecto para unha festa que combinou tradición, participación popular e unha destacada calidade artística.