A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou ás 16:00 horas deste venres o ES-Alert, o sistema de mensaxería de emerxencia a teléfonos móbiles, ante a vaga de incendios forestais en Ourense.
A medida, de carácter preventivo, busca garantir a seguridade da poboación e proporcionar instrucións rápidas de autoprotección.
Activado o ES-Alert en Ourense por incendios forestais
A alerta chegou a veciños de máis de trinta concellos afectados ou próximos aos lumes, entre eles Oímbra, Cualedro, Monterrei, Laza, Verín, Vilardevós, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, Castrocaldelas, A Teixeira, San Xoán de Río, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Xinzo, Trasmiras, Baltar, Folgoso do Courel e Rubiá. Debido á proximidade, a mensaxe tamén puido recibirse en concellos limítrofes.
O envío do ES-Alert coincidiu coa adopción de medidas preventivas en varios puntos da provincia. Ao confinamento de A Madanela (Monterrei), vixente desde o venres, sumáronse Carballal (Petín) e Roblido (A Rúa). Ademais, evacuouse unha residencia na Rúa e confinouse outra en Chandrexa de Queixa.

A situación tamén afecta ás comunicacións. A A-52 está cortada entre os quilómetros 114 (A Mezquita) e 129 (A Gudiña) en ambos sentidos, a circulación ferroviaria continúa interrompida e a N-525 sufriu peches temporais.
Ourense permanece en Situación 2, o que implica despregamento intensivo de medios e colaboración de distintas administracións. As autoridades insisten en seguir todas as instrucións oficiais recibidas a través do ES-Alert e outros canais de información.