Noticias

Nace o MEABE, a primeira Mostra Audiovisual do Entroido

A aldea de Meaba, no concello de Toén, acolleu este xoves a presentación oficial do MEABE, Mostra Audiovisual do Entroido, que celebrará a súa primeira edición o sábado 4 de outubro de 2025, ás 16:30 horas.

O evento está promovido pola Asociación Cultural Entroido de Mugares, co apoio do Concello de Toén e a colaboración de Adega Gandarela.

Nace o MEABE, a primeira Mostra Audiovisual do Entroido

Durante o acto, o presidente da Asociación, Roberto Álvarez, destacou que a iniciativa “vai máis alá dunha simple mostra: quere converterse nun punto de encontro para creadoras e creadores”, ademais de servir como espazo de inspiración e revulsivo para quen investiga e mantén viva a tradición do Entroido.

A escolla de Meaba como sede responde a unha clara aposta polo rural. “Celebrar o MEABE aquí é devolverlle protagonismo á nosa aldea e demostrar que tamén desde o rural se pode xerar cultura, combinando tradición e innovación”, engadiu Álvarez, quen tamén explicou a orixinalidade do nome, vinculado á dualidade histórica entre “Meaba” e “Meabe”.

O programa inclúe proxeccións de traballos de CeltaMedia, Lembrame.gal, Laura Prieto e a propia Asociación Cultural Entroido de Mugares. Tamén se exhibirán vídeos musicais de Uxía Lambona e a Banda Molona e de Baiuca, xunto con pezas promocionais de Carlos Urban para a Deputación de Ourense e os spots publicitarios de Lapera para R Cable.

O alcalde de Toén, Ricardo González, pechou a presentación agradecendo o esforzo dos organizadores “por dar a coñecer o noso Entroido” e expresou o desexo de que a mostra se consolide como un referente anual tanto para creadores como para espectadores, contribuíndo a fortalecer unha das tradicións máis emblemáticas da cultura galega.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.