Noticias

Turismo de Galicia abre as axudas para festas de interese turístico

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o concello de Manzaneda.

Alí informou ao alcalde, Pedro Yáñez, da apertura do prazo de solicitude das axudas de Turismo de Galicia destinadas ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.

Turismo de Galicia abre as axudas para festas de interese turístico

Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que esta festividade xa foi beneficiaria da convocatoria anterior cunha achega de 4.000 euros.

O delegado destacou que na provincia de Ourense recibiron estas subvencións un total de 19 celebracións, cun investimento global de 76.000 euros.

Turismo de Galicia abre as axudas para festas de interese turístico
Foto: Xunta de Galicia

Entre os concellos beneficiados figuran, ademais de Manzaneda, os de Laza, Oímbra, A Arnoia, Bande, Celanova, Muíños, O Barco de Valdeorras, Riós, Vilariño de Conso, Monterrei, Rairiz de Veiga, Castro Caldelas, Ribadavia, Leiro, Maceda, Viana do Bolo, Allariz e A Pobra de Trives.

O representante autonómico explicou que as axudas se concederán en réxime de concorrencia non competitiva. Estas seguiran a orde de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta. O prazo permanecerá aberto desde hoxe ás 12:00 h ata o 19 de xuño ás 20:00 h, ou ata o esgotamento do crédito total, fixado en 500.000 euros.

As subvencións poderán alcanzar un máximo de 4.000 euros por concello para cubrir gastos relacionados coa promoción turística das festas. Estes gastos inclúen publicidade, cartelería, anuncios en medios de comunicación ou actuacións artísticas. No caso das festas gastronómicas, tamén se incluirá a adquisición do produto protagonista da celebración.

Manuel Pardo sinalou que estas axudas buscan reforzar un modelo turístico “auténtico e sostible”, ligado ao equilibrio territorial e á loita contra o despoboamento, en liña coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030.

O delegado tamén puxo en valor os Entroidos do Oriente Ourensán, que acadaron a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional en xullo de 2025. A candidatura conxunta inclúe os entroidos de Viana do Bolo, Manzaneda e Vilariño de Conso, coñecidos polos seus folións e personaxes tradicionais.

Botón volver arriba