O BNG de Ourense cuestiona os investimentos deportivos previstos pola Xunta para 2027 e acusa o Goberno local de non conseguir compromisos nin novas infraestruturas para a cidade.
Luís Seara, portavoz nacionalista e candidato á Alcaldía, trasladou estas críticas na reunión semanal do Consello Reitor do Consello Municipal de Deporte (CMD), celebrada este 22 de outubro.
O BNG pedirá máis fondos para o deporte ourensán en 2027
Seara considera que o proxecto de orzamentos autonómicos recolle partidas xenéricas destinadas ao mantemento das instalacións existentes, pero non contempla novos investimentos deportivos específicos para Ourense.

Entre as actuacións que bota en falta, o BNG sinala a mellora do Estadio do Couto, coa renovación da megafonía, a iluminación, a accesibilidade e a sinalética, así como a construción dun pavillón para as distintas modalidades de ximnasia.
O portavoz nacionalista reprochou ao concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e ao resto do Goberno local a súa falta de influencia ante a Xunta para conseguir investimentos. Segundo Seara, a cidade continúa recibindo recursos insuficientes malia as necesidades das súas instalacións deportivas.
O BNG adianta que presentará emendas aos orzamentos autonómicos de 2027 en distintos ámbitos, incluído o deportivo, para reclamar tanto a mellora das infraestruturas existentes como a creación de novas dotacións.

