O presidente do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Hixinio Araúxo, presentou este luns ante a Secretaría de Estado de Memoria Democrática un escrito no que solicita que o cemiterio de San Breixo sexa recoñecido oficialmente como Lugar de Memoria.
O documento conta co aval de 180 familiares de vítimas da represión franquista soterradas no camposanto entre 1936 e 1943.
Celanova impulsa a declaración de San Breixo como espazo de memoria
A relación de sinaturas ábrese con Gerardo Testera Tovar, neto de Gerardo Tovar Gris —palentino falecido na Prisión Central de Celanova en 1941—, e inclúe descendentes de 12 das 18 familias identificadas ata agora, entre elas as fillas de Gaspar Fernández Pérez ou a filla de Marcelino Fernández García, ambos asturianos.

O Comité escolleu a data do 22 de setembro para formalizar a petición, coincidindo co aniversario do fusilamento en 1939 de sete asturianos no propio cemiterio. Ese episodio foi a chave para iniciar en 2002 a exhumación da fosa común e culminou en marzo de 2025 coa inauguración do memorial Os 90 de San Breixo.
Un espazo marcado pola represión
Entre 1936 e 1943 documentáronse en San Breixo 90 enterramentos de vítimas da represión franquista. Sete foron fusilados no muro do cemiterio, dous paseados nas rúas de Ourense, tres abatidos polos gardas na prisión e 77 faleceron por enfermidade na Prisión Central de Celanova.
A maior parte das vítimas procedían de Asturias (43), seguidas por un grupo de dez andaluces da provincia de Xaén e varios galegos, entre eles os irmáns ourensáns Emilio e Manuel Fuentes Canal ou o monfortino Ramón Yáñez Pereira.
Os estudos do profesor Domingo Rodríguez Teijeiro (1999) e posteriores traballos audiovisuais e documentais, como o filme de Patricia Nogueira San Salvador. Presos en Celanova (2007), foron decisivos para reconstruír a historia. O Ministerio de Presidencia publicou en 2023 unha investigación monográfica sobre a exhumación da coñecida como fosa dos asturianos.
Próximos pasos
Unha vez presentada a solicitude, o Ministerio dispón dun prazo de doce meses para iniciar o expediente. Mentres, o Comité centrará os seus esforzos na toma de mostras de ADN ás familias localizadas, co apoio do forense Fernando Serrulla, co obxectivo de avanzar na identificación e entrega de restos ás descendentes.