O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, mantivo este xoves unha primeira reunión co novo presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), César Blanco, a quen felicitou polo seu recente nomeamento.
O encontro serviu para reforzar a cooperación entre ambas entidades e analizar as principais necesidades da provincia.
Eladio Santos e César Blanco abren unha nova etapa de cooperación institucional
Na xuntanza, na que tamén participaron os membros da CEO David Martínez, Luis Novoa e Jaime Pereira, Santos trasladou ao novo presidente “o maior dos éxitos” na súa nova etapa e comprometeuse a manter “un contacto permanente” coa organización empresarial.

Durante a reunión, os representantes da CEO expuxeron diversas demandas, especialmente en materia de infraestruturas, que o subdelegado se comprometeu a trasladar aos ministerios correspondentes. Santos destacou que “o Goberno de España está a investir máis que nunca na provincia de Ourense”. Lembrou que se destinaron máis de 1.200 millóns de euros nos últimos anos para mellorar as comunicacións e os servizos públicos.
Entre as actuacións recentes, o subdelegado mencionou a licitación por 14,5 millóns de euros para a rehabilitación da autovía A-52 entre A Gudiña e Cualedro. Tamén lembrou a EDAR de San Cibrao e o saneamento do río Barbaña, cun investimento conxunto de 35 millóns de euros.
Ambas partes coincidiron na necesidade de continuar traballando de forma coordinada para favorecer o desenvolvemento económico e empresarial da provincia.