O grupo municipal Ribeiro en Común presentará este xoves á Conselleira de Vivenda da Xunta de Galicia un paquete de propostas para impulsar a creación e rehabilitación de vivenda pública en Ribadavia.
Esta petición chega coincidindo coa visita institucional ao inmoble da praza García Boente, que será rehabilitado para uso social.
Ribeiro en Común reclama á Xunta un plan integral de vivenda pública en Ribadavia
A formación lembra que o Concello leva cinco anos á espera do inicio desta obra, tres deles con goberno de coalición e dous baixo a actual maioría absoluta. “Por fin semella que a actuación se vai iniciar”, sinalan desde Ribeiro en Común, que xa adiantara a información o pasado 19 de setembro.

Entre as súas peticións, o grupo subliña a urxente necesidade de promover vivenda pública en Ribadavia. Esta petición prodúcese ante o incremento da demanda e a escaseza de oferta. Propón, entre outras medidas, a adquisición de terreos e inmobles para destinalos a este fin. Entre as propostas figuran un solar no barrio de San Lázaro (estrada Filgueira-Francelos) e dous edificios inacabados nas rúas Banda A Lira e Otero Pedrayo.
Tamén reclaman ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que retome as obras de rehabilitación nos inmobles adquiridos nos últimos anos. Estes están situados nas rúas San Xoán, Santiago, Portanova e Adegas. Só unha vez finalizadas estas intervencións, explican, debería estudarse a compra de novos edificios no casco histórico, seguindo o Plan de Dinamización do Programa Rexurbe de Ribadavia, aprobado en xaneiro de 2023.
Ribeiro en Común lembra ademais que Ribadavia foi declarada “zona tensionada” polo prezo do alugueiro en marzo de 2024. Xa naquela data o grupo presentara unha moción para fomentar a vivenda pública en edificios baleiros do centro urbano, aprobada polo Pleno municipal.
Con todo, denuncian que nin o Concello nin a Consellaría de Vivenda adoptaron medidas efectivas para frear o despoboamento e o encarecemento da vivenda, polo que reiteran as súas demandas.