A Asociación Española contra o Cancro (AECC) celebrou este luns en Ourense o acto institucional polo Día Internacional do Cancro de Mama.
Esta cita serviu para lembrar a importancia da detección precoz e reclamar máis transparencia e equidade nos programas de cribado en todo o territorio.
AECC Ourense pide máis transparencia nos programas de cribado
Durante o acto, representantes da AECC destacaron que “a detección precoz salva vidas” e subliñaron que os programas de cribado son unha ferramenta esencial para mellorar a supervivencia e reducir a mortalidade.
Por iso, a entidade demanda un sistema transparente de datos que permita avaliar a calidade e o alcance real destes programas e que sexa avaliado pola Axencia Internacional de Investigación en Cancro da OMS (IARC), tal e como promove a asociación.

A AECC leva máis de 70 anos traballando na investigación e na sensibilización social, acompañando ás persoas que padecen cancro e ás súas familias. A organización fixo un chamamento aos responsables públicos e á sociedade para acadar un consenso real arredor da prevención e o diagnóstico precoz.
Baixo o lema “Tomámonos a peito a detección precoz”, a entidade lembrou que é fundamental garantir o acceso universal aos programas de cribado. Tamén lembra a importancia de investir na súa mellora para aumentar as taxas de supervivencia.