Ribeiro en Común cualifica de “nefastos” os Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026, ao entender que volven deixar ao municipio de Ribadavia sen os investimentos prometidos en infraestruturas e servizos clave.
O portavoz do grupo, Brais Fidalgo, denunciou que, malia os anuncios do goberno autonómico e do alcalde local, non se inclúe ningunha das actuacións comprometidas nos últimos anos.
Ribeiro en Común critica os Orzamentos da Xunta 2026 para Ribadavia
Entre as ausencias máis graves, sinala a falta de financiamento para o novo asilo–residencia de maiores. Esta é unha infraestrutura moi demandada e anunciada en maio como parte do plan autonómico para crear 24 novas residencias en Galicia. “Ningunha delas será en Ribadavia, a pesar das promesas do alcalde”, destacou Fidalgo.

Tampouco figuran nos Orzamentos a construción da nova Galiña Azul nin o proxecto de captación de auga do río Miño. Este último resulta fundamental para garantir o abastecemento despois dos colapsos rexistrados nos últimos veráns. “Nada é máis urxente para Ribadavia, pero o PP ignórao despois de usar electoralmente este problema”, subliñou.
O único investimento salientable é o proxecto de mellora da rede nas Chabolas e A Groba. Este conta cun importe de 1,4 millóns de euros, parte achegado polo Concello, comprometido xa en 2023 antes das eleccións municipais. “Non é un investimento novo e chega con moito atraso”, explicou Fidalgo.
Proxectos pendentes
Ribeiro en Común critica tamén a ausencia da prometida ampliación do Polígono Industrial, as deficiencias nas estradas autonómicas —como a rúa Progreso ata San Paio, San Cristovo de Regodeigón ou a Ponte de San Francisco— e a falta de avances en proxectos locais prometidos: a reforma de San Xés, a praza do Curceiriño, as termas de Prexigueiro, o Campo do Xestal, os colexios e as infraestruturas culturais.
En conxunto, o balance é “moi negativo” e evidencia, segundo Fidalgo, “un novo incumprimento sistemático do PP local e autonómico co noso municipio”. Ademais, a formación advirte de que a situación tamén se repite no resto da comarca do Ribeiro. “A gran esquecida dos Orzamentos da Xunta”, sen investimentos en desenvolvemento rural, viticultura, industria, transportes ou servizos públicos. “É o momento de reflexionar sobre as causas políticas que explican por que o Ribeiro segue sendo ano tras ano a perdedora dos Orzamentos de Galicia”, conclúe Fidalgo.