Noticias

Piden mellorar as condicións laborais nos centros de menores

O Grupo Socialista na Deputación de Ourense presentou unha moción para instar á corporación provincial a presionar á Xunta de Galicia para que negocie “de inmediato” un Convenio Colectivo Galego que mellore as condicións laborais dos traballadores dos centros de reforma xuvenil e de protección de menores.

A iniciativa foi presentada polo voceiro do Grupo, Álvaro Vila Araújo, nun acto simbólico xunto ao Centro de Menores de Montealegre.

Piden mellorar as condicións laborais nos centros de menores

Vila denunciou que “a Deputación non pode permanecer indiferente ante a pasividade da Xunta, que leva máis dun ano ignorando as peticións de reunión dos traballadores”. O voceiro subliñou que a conselleira Fabiola García “mira para outro lado mentres centos de profesionais sofren salarios por debaixo do SMI, ratios abusivas e xornadas de 24 horas sen persoal de substitución”. Segundo Vila, esta precariedade laboral repercute na atención aos 700 menores que acollen estes centros en Galicia.

Piden mellorar as condicións laborais nos centros de menores
Foto: PSdG

A provincia de Ourense conta con tres centros estratéxicos:

  • Monteledo, con 37 prazas en réxime pechado, semiaberto e aberto;
  • Montefiz, único centro de Galicia especializado en internamento terapéutico para menores con trastornos de saúde mental, con 23 prazas; e
  • Montealegre, orientado á protección de menores en situación de desamparo.

Ademais, outros oito centros privados suman máis de 192 prazas.

Vila mostrou tamén o apoio do PSdeG ás mobilizacións dos profesionais, que convocaron unha folga para o 6 de novembro. Esta afectará a máis de 5.000 traballadores en Galicia nos sectores de protección e reforma de menores, atención á discapacidade e escolas infantís.

A moción insta á Deputación a que esixa á Xunta recibir aos representantes sindicais e patronais e negociar un convenio que dignifique as condicións laborais. Para Vila, “exixir estas melloras non é só xustiza laboral, senón unha obriga moral cando falamos dos nenos e nenas máis vulnerables da provincia”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.