A Plataforma Social Via Galega convoca a cidadanía a participar no acto de izamento da bandeira galega que terá lugar o sábado 15 de novembro ás 12:00 horas na Praza de San Martiño de Ourense.
O evento forma parte dunha acción conxunta que se desenvolverá simultaneamente en 25 localidades galegas para conmemorar o 107 aniversario da I Asemblea Nacionalista de Lugo, celebrada os días 17 e 18 de novembro de 1918.
Via Galega chama a izar a bandeira galega en Ourense
Segundo explican desde Via Galega, a iniciativa busca popularizar os símbolos nacionais, en especial a bandeira e o himno galego, este último “pendente da súa restitución á versión orixinal” por mor do bloqueo da Comisión parlamentaria promovido polo PP.

O acto incluirá a lectura dun manifesto, recitados de poemas de Pousa Antelo, Celso Emilio Ferreiro, Marica Campo e Manuel María, e culminará co izamento da bandeira mentres soa o himno galego na súa versión fidedigna.
Desde a plataforma sinalan que esta campaña responde tanto á boa acollida das edicións anteriores como á “escalada de españolización e ocultación dos nosos símbolos”. Engaden que exemplos como o anuncio do desfile do Día das Forzas Armadas en Vigo evidencian “a necesidade de reforzar a visibilidade dos símbolos que nos identifican como pobo”.
Via Galega reitera o seu propósito de que todos os concellos galegos exhiban a bandeira nacional en lugares visíbeis de forma permanente, xa que, “para unha nación sen estado de seu e sometida historicamente a procesos de asimilación, os símbolos son a expresión da nosa existencia e do dereito a sermos libres”.