O Entroido no Pereiro de Aguiar volverá en febreiro cun programa que combina obradoiros tradicionais e un desfile con concurso de comparsas e disfraces, organizado pola Área de Cultura do Concello.
A iniciativa busca reforzar a participación veciñal e manter viva unha das celebracións máis emblemáticas do municipio.
O Pereiro celebra o Entroido con obradoiros e concurso de comparsas
A programación arrincará cos obradoiros de Compadres e Comadres, que se celebrarán na Biblioteca municipal ás 17:30 horas. O Obradoiro de Compadres terá lugar o xoves 5 de febreiro, mentres que o Obradoiro de Comadres desenvolverase o xoves 12 de febreiro.

O prato forte chegará o sábado 14 de febreiro, coa celebración do Desfile de Entroido, previsto para as 17:30 horas. A saída efectuarase pola estrada que conduce ao encoro de Cachamuiña, convertendo as rúas do Pereiro no epicentro da festa, a creatividade e a sátira.
Concurso de comparsas e disfraces
O desfile incluirá o concurso de comparsas e disfraces do Entroido 2026, aberto a persoas individuais e grupos. O prazo de inscrición estará aberto do 16 de xaneiro ao 10 de febreiro, mediante un formulario en liña dispoñible na web municipal.
Establécense catro categorías: comparsas de máis de 20 participantes, comparsas de 3 a 20, individuais ou parellas e infantís. Os premios económicos alcanzan ata 500 euros na categoría de comparsas máis numerosas, ademais de vales en xoguetería para a categoría infantil. Tamén haberá axudas económicas para aquelas persoas ou grupos participantes que non obteñan premio.
O xurado, alleo á organización, valorará criterios como a posta en escena, a sátira, a animación musical, a creatividade e a elaboración do vestiario. O pago dos premios e axudas realizarase mediante transferencia bancaria, seguindo o procedemento recollido nas bases reguladoras.
Desde o Concello destacan que o Entroido “é unha oportunidade para fomentar a convivencia, a participación e a identidade cultural do Pereiro de Aguiar”, animando á veciñanza a implicarse tanto nos obradoiros como no desfile.

