Os produtores salvadoreños de café participarán este xoves nun encontro aberto na tenda de Comercio Xusto de Ourense, situada na rúa Bailén, 6.
A cita celebrarase o 26 de febreiro ás 18:30 h e permitirá á cidadanía coñecer de primeira man a realidade das organizacións produtoras vinculadas ao selo Fairtrade.
Encontro en Ourense con produtores de café de Comercio Xusto
No acto intervirán Claudia Jiménez, representante da Coordinadora Latinoamericana e do Caribe de Pequenos Produtores e Traballadores de Comercio Xusto (CLAC), e Nery Sánchez, membro da Cooperativa San Carlos Dos, ambas entidades de El Salvador.

Durante a sesión compartirán a súa experiencia no cultivo e comercialización de café certificado de Comercio Xusto, así como os retos sociais, ambientais e económicos que afrontan nos seus territorios.
O encontro diríxese especialmente ao alumnado sénior de ATEGAL, aínda que está aberto a toda a cidadanía ourensá interesada no consumo responsable e na cooperación internacional. As persoas asistentes poderán dialogar cos produtores sobre o impacto real que teñen as decisións de compra en Galicia na mellora das condicións de vida en América Latina.
A actividade forma parte dunha visita institucional organizada por Solidariedade Internacional de Galicia dentro do proxecto “O movemento social do Comercio Xusto como exercicio de cidadanía global”, que conta co apoio da Cooperación Galega. A iniciativa busca reforzar o vínculo entre produtoras e consumidores, visibilizando como o Comercio Xusto contribúe á redución da pobreza e á construción de mercados máis equitativos.
Esta acción intégrase tamén na campaña Aquí e Acolá O Xusto, promovida pola mesma entidade, que pretende sensibilizar sobre as desigualdades xeradas polo comercio internacional e impulsar alternativas baseadas en condicións laborais dignas e no respecto polos dereitos humanos.

