Graciela Diéguez (BNG) asumirá este martes 18 de agosto a Alcaldía de Viana do Bolo, durante o pleno extraordinario que se celebrará ás 11:30 horas no salón de plenos do Concello.
Coa súa toma de posesión, converterase na primeira muller en gobernar o municipio.
Graciela Diéguez será a primeira alcaldesa de Viana do Bolo
A nova rexedora conta con experiencia na política municipal tras exercer como concelleira de Cultura, unha etapa na que destacou pola súa xestión. Agora afronta o que resta de mandato cunha aposta por reforzar a proximidade coa veciñanza.

«Significa unha enorme responsabilidade, mais tamén un orgullo e unha alegría ser a primeira alcaldesa do meu pobo, Viana», afirmou Diéguez, quen asegurou afrontar esta nova etapa «con ilusión e moitas ganas».
Entre as súas prioridades estará a xestión dos recursos públicos para mellorar a vida da cidadanía. «É unha responsabilidade enorme xestionar os recursos públicos, co obxectivo de mellorar a vida das vianesas e vianeses, un reto que asumo con moita emoción e motivación», sinalou.
A futura alcaldesa tamén aposta por un Concello aberto e próximo, capaz de escoitar as demandas da poboación e ofrecer solucións aos problemas do día a día. «Quero que sexa un concello de portas abertas, que escoite a veciñanza e que traballe e solucione os problemas das veciñas e veciños», indicou.
Diéguez fixou ademais como obxectivo poñer en valor Viana do Bolo e os seus recursos. «Temos un concello espectacular. Hai que pór Viana en valor, e para iso estou aquí e vou con todo o empeño e compromiso», concluíu.
A súa chegada á Alcaldía supón tamén un feito histórico para Viana do Bolo, ao situar por primeira vez unha muller á fronte do goberno municipal.
