O Concello de San Cibrao das Viñas abre do 1 ao 18 de setembro o prazo de inscrición na programación de Actividades Extraescolares e Deportivas Municipais para a tempada 2026/2027.
A ampla oferta está dirixida tanto á infancia como á poboación adulta.
San Cibrao abre as inscricións nas actividades municipais 2026/2027
As actividades infantís serán completamente gratuítas e desenvolveranse entre os meses de outubro e maio. A programación inclúe propostas deportivas, artísticas e educativas como fútbol sala, baloncesto, ximnasia rítmica, patinaxe, fútbol gaélico, baile, cociña creativa, xadrez e robótica.
As actividades repartiranse entre o Pavillón Municipal, o campo de fútbol de O Corgo, en Soutopenedo, o Ximnasio Municipal e o Local Social de O Piñeiral. Poderán participar os nenos e nenas empadroados no municipio ou aqueles cuxos pais ou titores legais estean empadroados en San Cibrao das Viñas.

Programa deportivo para maiores de 16 anos
O Servizo Municipal de Deportes tamén presentou a súa programación para maiores de 16 anos. Con esta programación pretende fomentar a saúde, o benestar e un estilo de vida activo entre a veciñanza.
O Ximnasio Municipal iniciará as súas actividades o 1 de setembro e contará cun amplo horario de sala fitness, ademais de clases de tonificación, zumba, pilates, HIIT, spinning, Vital Senior, Vital Fit e Box Training.
Pola súa banda, o Local Social de O Piñeiral desenvolverá a súa programación entre outubro e maio, con inicio o 2 de outubro. A oferta incluirá ximnasia de mantemento, piyoga, adestramento funcional, body balance e bailes latinos.
Neste caso, as persoas participantes deberán estar empadroadas no municipio e aboar unha cota mensual de 10 euros. Os inscritos poderán asistir a un máximo de dúas actividades diferentes. As inscricións tamén permanecerán abertas do 1 ao 18 de setembro.

