O PP de Ourense reivindicou este luns a ampliación do polígono industrial de San Cibrao das Viñas como unha actuación para favorecer o crecemento empresarial e atraer novos investimentos á provincia.
O presidente provincial do partido, Luis Menor, visitou as obras xunto á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e á alcaldesa, Marta Nóvoa. Durante o encontro co empresariado, Menor destacou a importancia de dispoñer de solo industrial para que as empresas poidan ampliar a súa actividade sen saír de Ourense.
O PP destaca a ampliación do polígono de San Cibrao
A ampliación abrangue máis de 340.000 metros cadrados e os traballos de urbanización xa comezaron cos desbroces. Segundo explicou Marta Nóvoa, varias empresas solicitaron parcelas para instalarse na nova superficie, que ofrecerá terreos de distintos tamaños.

Pola súa banda, Lorenzana lembrou que a Xunta investirá case 18 millóns de euros no proxecto e que prevé poñer os terreos a disposición das empresas en 2028. Coa ampliación, o polígono achegarase aos cinco millóns de metros cadrados de superficie total.
Durante a reunión, Menor tamén reclamou ao Goberno central financiamento e un calendario para a estación ferroviaria de mercadorías, unha infraestrutura que o sector considera importante para reducir os custos loxísticos das empresas da zona.

