O Club Ourense Baloncesto iniciou a tempada con dúas vitorias nas dúas primeiras xornadas e prepara novas propostas para reforzar a conexión coa súa afección e converter cada partido no Paco Paz nunha experiencia máis alá da pista.
Este sábado, con motivo do encontro ante Liga Cantabria, o club recuperará a Fan Zone, que abrirá ás 17:00 horas, dúas horas antes do partido. Haberá música, xogos infantís e un espazo para compartir ambiente antes do encontro.
Fan Zone, ludoteca e premios para facer medrar a afección do COB
O COB tamén manterá durante toda a tempada a ludoteca do Paco Paz, tras a boa acollida rexistrada na primeira xornada. A iniciativa busca facilitar que as familias poidan gozar dos partidos mentres os máis pequenos participan en actividades propias.

Para os encontros como visitante, o Café Restaurante Tribunal, na rúa Velázquez, 38, continuará como punto de encontro para os afeccionados que queiran seguir xuntos os partidos.
Premio aos socios por superar os 100 puntos
Outra das novidades é o Reto dos 100 puntos. Se o COB gaña un partido como local ou visitante e supera esa cifra, cada socio recibirá unha entrada gratuíta para o seguinte encontro no Paco Paz. Esta servirá para convidar a un amigo, familiar ou compañeiro.
A campaña incorpora ademais vantaxes en establecementos colaboradores. Arrocería Gijón Barbaña e Alameda Pizzería ofrecerán un 15 % de desconto de luns a venres en comidas e ceas. Estes descontos terán as excepcións indicadas polo club.
Con estas iniciativas, o COB pretende incrementar a participación da afección, atraer novos seguidores e facer do Paco Paz un punto de encontro para toda a cidade.