Noticias

A xustiza arquiva a querela contra Jácome e o COB

O Tribunal de Instancia de Ourense (Sección de Instrución número 2) decretou o sobresemento provisional e o arquivo das dilixencias abertas contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o Concello, a Deputación e dous expresidentes do Club Ourense Baloncesto (COB).

O sobresemento chega tras non apreciar indicios dos delitos denunciados pola empresa Will & Laws Gestión Internacional de Herencias S.L.

A xustiza arquiva a querela contra Jácome e o COB

A mercantil presentara unha querela por presunta estafa, falsidade documental, administración desleal e apropiación indebida en relación coa súa entrada na xestión do club en 2021.

Esta empresa sostía que se lle prometera o 51 % das accións da sociedade deportiva a cambio dos investimentos realizados. A empresa cifraba estes investimentos en arredor de medio millón de euros.

A xustiza arquiva a querela contra Jácome e o COB
Xulgados de Ourense

Porén, a maxistrada conclúe que non quedou acreditada a existencia dun engano previo. Lembra que o contrato asinado establecía que a empresa debía participar na ampliación de capital “aboando o prezo que se fixe”, unha condición distinta á compensación automática das achegas realizadas.

O auto tamén descarta os delitos de falsidade documental, administración desleal e apropiación indebida. Constata que os fondos achegados figuran rexistrados na contabilidade do club como pasivo financeiro. Ademais, sinala que as discrepancias entre as partes deben resolverse pola vía civil.

Botón volver arriba