Noticias

Ourense acollerá un partido solidario con lendas do baloncesto

Ourense acollerá un partido solidario de baloncesto o vindeiro 31 de maio no Pazo dos Deportes Paco Paz.

Esta iniciativa está impulsada pola Asociación Española Contra el Cáncer en Ourense.

Ourense acollerá un partido solidario con lendas do baloncesto

Este encontro reunirá a veteranos da Federación Galega de Baloncesto e do Valencia Basket co obxectivo de recadar fondos para a investigación oncolóxica e para manter os servizos gratuítos que a entidade presta a pacientes e familiares.

O encontro, de carácter benéfico, disputarase ás 17:00 h e foi presentado este sábado. No acto participaron o presidente provincial da asociación, Germán Rodríguez-Saá; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; e os exxogadores Sony Vázquez e Rubén Vila, ademais de representantes institucionais das administracións colaboradoras.

Durante a presentación, desde a organización puxeron en valor que esta cita deportiva “é moito máis ca un partido”. Sinalan que o deporte tamén serve como ferramenta para fomentar hábitos de vida saudables, sensibilizar á sociedade e seguir impulsando a investigación fronte ao cancro.

Un cartel con históricos do baloncesto

O partido reunirá sobre a pista a nomes destacados do baloncesto galego e estatal. Polo combinado da Federación Galega participarán, entre outros, José Manuel Calvelo, Gustavo Andújar, Miguel Piñeiro, Esteban Gómez, Andrés Cadania, Rubén Vila, Sony Vázquez, Juan Blanco, Javi Román, Manuel Aller, Chema González, Julio Jiménez e Lucho Fernández.

No equipo do Valencia Basket estarán exprofesionais como Víctor Luengo, Alfonso Albert, Juan Carlos Barros, Kosta Perović, Javi Viguer, Indio Díaz, Carlos Salvador “Chichi”, José Miguel “Chipi” García, Javier Carrasco, Víctor Claver, Sergio Coterón e Javier Coterón.

Entradas xa á venda

As entradas xa están dispoñibles cun prezo de 10 euros para adultos e 3 euros para menores de 16 anos. Ademais, habilitouse unha fila cero solidaria para aquelas persoas que queiran colaborar aínda que non poidan asistir.

Ourense acollerá un partido solidario con lendas do baloncesto
Baloncesto Solidario

Os puntos de venda son a sede da Asociación en Ourense, a oficina da entidade no Hospital Santa María Nai e a billeteira do Paco Paz o propio día do encontro.

Apoio institucional

A iniciativa conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Ourense, a Federación Galega de Baloncesto. Tamén colaboran o Valencia Basket, o Club Ourense Baloncesto e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar.

Botón volver arriba