A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, asegura que o primeiro escano da formación na provincia servirá para defender medidas contra a crise de prezos e recuperar o poder adquisitivo das familias.
Nun encontro coa veciñanza de Barbadás, acompañada polo portavoz municipal, Serafín Núñez, e a futura candidata á alcaldía, Mónica Valencia, Presas afirmou que o BNG está en disposición de conseguir representación no Congreso por primeira vez.
Noa Presas promete medidas para frear a crise de prezos
“Vexo un PP moi nervioso porque o BNG vaille quitar o último escano. É unha oportunidade histórica que Ourense non vai desaproveitar”, sinalou.

Entre as propostas nacionalistas figuran a redución do IVE dos alimentos e das subministracións básicas, a limitación dos prezos dos produtos esenciais e un maior control das grandes compañías enerxéticas.
Presas tamén defendeu a Tarifa Eléctrica Galega, a rebaixa permanente do IVE da electricidade e do gas ao 5% e a redución do imposto especial sobre a electricidade do 5,1% ao 0,5%.
A candidata apostou ademais por protexer salarios e pensións fronte á inflación, limitar os prezos dos alugueiros e apoiar as persoas autónomas, as pemes e o sector primario.
“Non podemos normalizar que cada vez custe máis encher a neveira, pagar a factura da luz ou chegar a final de mes”, afirmou. Presas defendeu que o custo da crise non debe recaer sobre as familias traballadoras, as persoas pensionistas e os pequenos negocios.

