A deputada do PP por Ourense, Ana Belén Vázquez, reclamou desde Valdeorras a execución das infraestruturas pendentes na comarca e acusou o Goberno de Pedro Sánchez de paralizar proxectos que xa estaban en marcha durante o mandato de Mariano Rajoy.
Vázquez denunciou que nos oito anos de Goberno socialista non se licitou ningún tramo da A-76, a autovía entre Ourense e Ponferrada. Tamén criticou o atraso da variante do Barco de Valdeorras, cuxa inauguración estaba prevista para 2022 e que, en 2026, continúa cun grao de execución do 70 %.
Ana Vázquez reclama en Valdeorras avances na A-76 e na variante do Barco
A deputada popular tamén reclamou os carrís de adiantamento que defende o seu compañeiro Celso Delgado e considerou que estas actuacións resultan fundamentais para mellorar as comunicacións e vertebrar a provincia.

A parlamentaria asegurou que Valdeorras, a comarca máis poboada da provincia despois da capital, permanece esquecida polo Executivo central. Neste sentido, comprometeuse a defender estas reivindicacións no próximo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, de quen destacou o seu coñecemento das necesidades da zona pola súa etapa como presidente da Xunta.

