O PP reuniuse con representantes do sector da peitearía, barbería e estética para trasladar as súas propostas fiscais e laborais destinadas a apoiar os autónomos e as pequenas empresas.
No encontro participaron Ana Vázquez e Celso Delgado, candidatos ao Congreso, e Rosa Sánchez Gándara, candidata ao Senado, que expuxeron medidas como a cota cero para novos autónomos, incentivos á contratación e a simplificación das obrigas tributarias.
O PP presenta en Ourense medidas fiscais para peitearías e barberías
Entre as propostas do programa popular figuran a cota cero durante o primeiro ano para novos autónomos, ampliable ao segundo en determinados casos; a redución do IRPF para rendas medias e baixas; e a franquía do IVE para autónomos con facturación inferior a 85.000 euros anuais.

O partido tamén propón bonificar o 100 % das cotizacións empresariais pola contratación do primeiro traballador durante un ano e o 50 % polo segundo, así como reducir un 35 % as cargas administrativas das pequenas e medianas empresas antes de 2029.
Durante a reunión abordáronse problemas como o incremento dos custos laborais, a rendibilidade dos negocios, a competencia desleal, a falta de persoal cualificado e a remuda xeracional. Os populares tamén defenderon a recuperación do IVE reducido ao 10 %, unha reivindicación histórica do sector.
Ana Vázquez comprometeuse a manter o diálogo cos profesionais e defender estas medidas en Madrid, co obxectivo de reducir trabas, favorecer o emprego e mellorar a estabilidade dos pequenos negocios.

