Noa Presas apelou este venres á concentración do voto na candidatura do BNG para conseguir o primeiro escano da formación por Ourense no Congreso nas eleccións do 29N.
A cabeza de lista asegura que o nacionalismo está en condicións de disputar a última acta ao PP e pide aproveitar esta oportunidade para abrir unha nova etapa política.
Presas pide concentrar o voto no BNG para lograr o primeiro escano por Ourense
A candidata asegura que a formación está a disputar a última acta ao PP e chama a facer historia nas eleccións do 29N

Presas cualificou a campaña de “intensa e emocionante” e afirmou que percibiu unha corrente crecente de simpatía cara ao BNG durante os actos realizados por todo o territorio. “Estamos en condicións de facer historia. Imos sacarlle o escano ao PP”, asegurou.
A candidata defendeu a necesidade de contar cunha representación propia en Madrid que permita defender os intereses de Ourense, negociar e conseguir avances. Criticou os preto de 50 anos de bipartidismo e representación das forzas estatais, aos que responsabilizou da situación de abandono da provincia.
“En Ourense non hai que votar mal maior ou mal menor porque aquí está o BNG”, reivindicou Presas, que presentou a candidatura nacionalista como unha alternativa para defender infraestruturas dignas, os ríos e o metro lixeiro.
A cabeza de lista insistiu en que cada voto será determinante para conseguir representación e pediu tamén o apoio de persoas que nunca votaron ao BNG. “O voto útil é o que te defende, é o que defende Ourense e coñece esta parte do territorio”, afirmou, comprometéndose a aproveitar os próximos catro anos para demostrar que se pode facer política doutra maneira.

