Esta tarde tivo lugar un acto de homenaxe ás vítimas do franquismo e a guerra civil organizado pola Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense.
A secretaria xeral, Natalia González, o secretario de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e a secretaria xeral de XX.SS. de Ourense, Alba Iglesias, participaron neste evento celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Acto de homenaxe ás vítimas do Franquismo
A Lei de Memoria Democrática de 2022 fixou o 31 de outubro como día de lembranza e homenaxe a todas as vítimas. «Na provincia de Ourense foron asasinadas preto de 700 persoas, un 20% delas fusiladas tras irregulares procesos xudiciais no paredón» sinalou Xosé Lois Carrión.
Natalia González destacou que «é hora de recoñecer a eses cidadáns e cidadás que deron a vida polo seu compromiso cos ideais democráticos. Non facelo é castigalos inxustamente de novo, condenalos ao esquecemento».
A concelleira Alba Iglesias quixo destacar o papel de moitas mulleres que sufriron cárcere ou o exilio. «É urxente que invoquemos a súa memoria. Porque, como tantas veces ocorreu, a historia da resistencia feminina foi invisibilizada. Cando chegou a Transición, quen recuperou o espazo público foron os homes, os homes que pasaron polos cárceres e que lideraron as manifestacións. As mulleres, unha vez máis, quedaron relegadas a un segundo plano».
Pola súa parte, Eladio Santos lembrou que a ditadura «non conseguiu borrar as ideas deses centos e centos de miles de vítimas». Durante esa época «Os valores democráticos tiveron que durmir no silencio durante moitos anos, pero rexurdiron con máis forza coa chegada da democracia a este país», destacou o subdelegado do Goberno en Ourense.