Ana Pontón, portavoz Nacional do BNG, recibe a Luis Seara, candidato do BNG á alcaldía de Ourense, e a membros da plataforma Amigos das Termas.
A reunión tivo lugar na sede do Parlamento de Galicia e serviu para facer un análise do estado das instalacións termais públicas de Ourense.
Ana Pontón recibe a Luis Seara e á plataforma Amigos das Termas
«O Concello de Ourense ten nos aproveitamentos termais un dos seus potenciais vectores de crecemento e desenvolvemento económico. A cidade de Ourense foi no pasado unha referencia na existencia de espazos de desfrute termal de acceso e xestión pública, democratizando o seu uso e desfrute por parte da veciñanza ourensá con independencia do seu nivel de renda» indicou Ana Pontón.
Esta situación mudou no ano 2019 coa aprobación dunha lei sobre o aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia. Pontón sinala que o termalismo é un «sector que se está a ver gravemente prexiducado pola lei aprovada en 2019 e que dificulta a apertura ao público de algunhas das instalacións debido aos requisitos exixidos na mesma».
A lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia
Durante a reunión, Pontón adquiriu o compromiso de que «cando o BNG chegue á Xunta derogaremos aqueles aspectos máis lexivos da norma». Esta medida serviría «para facilitar e impulsar o sector termal de Ourense, garantindo un modelo sustentábel e de acceso público ao conxunto da veciñanza».
O candidato á alcaldía, Luis Seara, destacou o traballo realizado pola plataforma Amigos das Termas nos últimos anos. En relación ó estado do termalismo en Ourense, Seara indicou que «o actual rexedor ten amosado non soamente o seu desprezo ao sector termal do Concello senón a súa incapacidade para xestionalo».
«Actualmente temos as instalacións termais funcionando a medio gas e nunhas condicións moi precarias», recordou Seara. Como exemplo, falou do «caso da piscina termal das Burgas, situada en pleno corazón turístico da cidade, cunhas obras aínda sen iniciarse cando hai case dous anos que tiñan que estar rematadas».