O Concello de Ourense inaugura hoxe, mércores 14 de maio, ás 19:00 horas, na Sala Valente, a exposición Vexo cores, do artista Antonio Carrera Ramos.
A mostra reúne máis de 50 obras de medio e gran formato, cunha forte presenza da cor como fío condutor, aínda que tamén se expoñen unha decena de plumillas en branco e negro, de pequeno formato.
Antonio Carrera expón Vexo cores en Ourense
Paisaxes urbanas, retratos, naturezas mortas e escenas da vida cotiá conforman esta colección que reflicte a mirada persoal e emotiva do artista sobre Galicia. Antonio Carrera, tras unha longa etapa como docente no colexio Santa Teresa de Jesús (Carmelitas), iniciouse de cheo na pintura, deixando a súa pegada en murais do propio centro escolar. Nos seus lenzos destaca o amor pola cultura galega, coa representación de escenas tradicionais como pulpeiras, oleiros ou lareiras, e vistas recoñecibles dos barrios de Ourense e da provincia.

A exposición Vexo cores poderá visitarse até o 15 de xuño na Sala Valente, de martes a sábado en horario de 11.00 a 13.30 e de 18.30 a 21.30 horas, e os domingos de 11.00 a 13.30 horas.