O candidato do BNG ás eleccións europeas, Artai Gavilanes, denuncia o estado do transporte público na comarca de Ourense.
«Galiza e nomeadamente Ourense sofre un desmantelamento dos servizos públicos de transporte colectivo» indicou Gavilanes.
Artai Gavilanes denuncia o estado do transporte en Ourense
«O abandono da Xunta de Galiza para coa cidade e a comarca de Ourense é máis que evidente pois seguimos sen contar a día de hoxe cun transporte metropolitano que conecte aos Concellos da comarca entre si e coa cidade». No acto realizado, Gavilanes estivo arroupado pola deputada autonómica Noa Preas e por representantes de varios concellos da comarca.
Unha das consecuencias desta situación é a ausencia dun sistema de transporte público que conecte os principais lugares de afluencia de persoas. «Falamos de puntos de especial importancia que unidos ao Campus universitario ou a estación intermodal, supoñen un movemento de persoas moi elevado», lembra Gavilanes.
Coa vista posta nas próximas eleccións municipais, Artai Gavilanes destaca que «é importante que contemos cunha voz propia en Europa, con Ana Miranda á fronte para reivindicar que se aposte por un transporte público que exerza a intermodalidade real e o coidado polo medio ambiente».