Colaboraciones

Axudamos ós nosos maiores ou isto é un berro no deserto…

Axudamos ós nosos maiores ou isto é un berro no deserto… Artigo de Rosa Martínez Rodríguez – Concelleira do PSdeG-PSOE en Ourense.

Fai escasamente tres semanas, que nos levantamos con noticias sobre as persoas maiores da nosa comunidade autónoma, pero tamén da nosa provincia e da nosa cidade. Naquel caso, a noticia era demoledora, Política Social dependente da Xunta de Galicia, recoñecía abertamente que tivera que aprobar por vía de urxencia atención para os nosos maiores, para o ano 2021. Dita cifra estaba preto dás 1.000 persoas, exactamente 968 destas persoas tiveran que asignárselles unha praza nunha residencia pública, e a 2 delas concedéuselle un servizo de atención diúrno.

Axudamos ós nosos maiores ou isto é un berro no deserto…

Ditas cifras segregadas por provincias quedaban da seguinte maneira no ano 2021:

  • 350 casos corresponden á Provincia de Pontevedra,
  • 370 á Provincia de Coruña,
  • 139 á Provincia de Lugo,
  • 111 á Provincia de Ourense,

Isto no ano 2021, pero no que levamos do ano 2022 as cifras acadadas xa son preocupantes, xa estamos preto das 700 persoas. Exactamente xa levamos 635 casos, que por provincias queda do xeito que sinalo:

  • na Provincia de Pontevedra xa contan con 209 casos,
  • 265 na Provincia da Coruña,
  • 75 na Provincia de Lugo, e
  • 86 na Provincia de Ourense.
Rosa Martínez Rodríguez

Residencias Públicas en Galicia

Tamén son coñecedora que dende o ano 2016 ata hoxe, os casos totais suman a cifra de 5.000 persoas ingresaron nunha residencia pública, de seguir esta tendencia, no ano 2027 necesitariamos ter 5.000 prazas públicas a maiores das actuais, ou sexa, deberiamos crear prazas públicas e por suposto RESIDENCIAS PÚBLICAS en Galicia.

En canto a datos oficiais, Galicia é a C.A con menor porcentaxe de prazas públicas en Residencias de Maiores, só un 41%, e no resto de España a cifra sube ata un 62%. Así o reflicten as cifras oficiais do IMSERSO, asemade, a rexión galega, situaríase entre as catro autonomías que non superan o 3% de prazas en residencias por cada 100 persoas maiores, apesares de que a OMS  (Organización Mundial da Saúde) recomenda un 5% de prazas. Entre as comunidades que non cumpren, ademais da Galega, temos a de Murcia cun 2,27%, a Comunidade Valenciana cun 2,77%, e Canarias cun 2,84%, e como ben dixen, a Galega conta soamente cun 2,83%.

As causas de emerxencia dos nosos maiores, son moitas e moi variadas. Ó meu modo de entender, voume atrever a poñer un breve resumo dalgúns dos múltiples motivos;

  • Os maiores que viven sós, por non ter familia, sobre todo, nas grandes urbes de Galicia,
  • tamén non todos/as eles/as teñen recursos par poder vivir en Residencias de Maiores privadas (polo elevado prezo),
  • temos maiores con algún tipo de demencia, que non se deixan atender polos seus familiares máis directos, e prodúcese a claudicación familiar,
  • e non podemos esquecernos cando existe risco para a vida destas persoas maiores.

Como ben dixen no comezo deste paragrafo, existen moitas e moi variadas causas, daría para un estudo en profundidade na nosa sociedade, e invito á sociedade e ás nosas institucións a un estudo polo miúdo, que xa están a tardar.

Listas de espera nas Residencias de Maiores

Fai escasas datas, levántome novamente cunha noticia no mesmo senso. Insiste no mesmo que levo comentando desde que comecei estas liñas, as Residencias de Maiores na nosa provincia rexistran actualmente unha lista de espera de 350 persoas dependentes que precisan axuda para levar a cabo actividades comúns e básicas do día a día. Isto tamén cos datos que manexa Política Social, da Xunta de Galicia, séguese incidindo na falta de prazas públicas nestas instalacións.

Axudamos ós nosos maiores ou isto é un berro no deserto...
Axudamos ós nosos maiores ou isto é un berro no deserto…

No caso de Ourense das 5.000 camas existentes en centros xeriátricos só 1.450 son de titularidade autonómica ou local, é dicir, apenas un 26 % do total. De feito, o Presidente da Asociación Galega do Sector da Dependencia (AGASEDE) estima que o prazo de espera para acadar unha praza nestes centros de media aproximámonos ós 10 meses e recorda que os prazos son moi importantes xa que dende que se solicita ata que concedese a praza, a situación dos nosos maiores agravase drasticamente e remarca que NON PODEMOS DEIXAR QUE ISTO SIGA PASANDO.

Publicaciones relacionadas

Canta razón nas súas verbas, canto me recordou un pasado recente na miña familia, coa miña nai, cantas voltas me fartei de dar para conseguir unha praza que ó final foi nunha residencia privada. As institucións están para algo máis que para esperar que os problemas dos cidadáns sexan moi graves, teñen que adiantarse a ditos problemas e MENTRES ISTO NON ACONTEZA, ALGO ESTAMOS A FACER MAL. Tamén eu aquí teño parte de culpa (seguro máis pequena que outras persoas con máis responsabilidade) xa que actualmente dedícolle o meu tempo a isto que chamamos política, iso si, en clave local.

Centros de día

Despois de facer investigación sobre os problemas dos nosos maiores, creo que sería bo ter unha rede de CENTROS DE DÍA de titularidade pública. Hoxe temos un centro de adxudicación Municipal polo Concello de Ourense. Estoume a referir ó Centro de Maiores pertencente ao Centro Integral de AIXIÑA, infraestrutura que atende fundamentalmente a maiores con distintas patoloxías. Estes centros axudarían a paliar a soidade que moitos dos nosos maiores están a vivir, xa que permiten a moitos deles seguir vivindo nas súas propias casas e poder compatibilizar con actividades que axudan a socializar a súa vida, regresando a durmir á súa vivenda.

Fai pouco tempo e durante esta pandemia, por elo case nos pasa desapercibido, púxose en funcionamento un Centro Interxeracional na Farixa, promovido pola Fundación Amancio Ortega. Conta cunha gardería para nenos de idades comprendidas entre 0-3 anos e un Centro de Día para 80 persoas maiores, pero a súa xestión está encargada a unha empresa privada. Dado que a nosa cidade e provincia e tamén a nosa comunidade autónoma ten unha taxa de envellecemento moi alta, superando a media galega que se sitúa no 25,16%, cando Ourense acada o 31%, creo que este dato ben merece unha reflexión rápida, algo non estamos a facer as institucións.

Problemas que teñen os nosos maiores

Estes días, ante estas informacións, púxenme a investigar e a comprobar moitos destes problemas que teñen os nosos maiores e as súas familias. Un dos primeiros que me manifestaron é a necesidade de contar cunha oficina, que tivese todo tipo de información onde atopar e a onde dirixirse cando temos os primeiros problemas cunha persoa maior. Ó necesitar axuda para desenvolvemento das súas actividades diarias, coma calquera de nós, dende como xestionar a Dependencia, a onde temos que dirixirnos, ata como podo acceder a unha praza nun Centro de Día, si son públicos ou privados, ¿si necesito unha praza nunha residencia? Temos prazas en Residencias públicas ou privadas, ¿como teño que facer? ¿onde se atopan as traballadoras sociais que van a valorar o meu nivel de Dependencia?

Moita xente descoñece que podemos acceder dende o propio Concello ás traballadoras sociais, ou ás que se atopan nos Centros de Saúde, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou incluso ¿como teño que facer para solicitar un taxi adaptado, ou tamén coñecido como EUROTAXI?.

¿Eurotaxi?

Esta última pregunta merece unha reflexión en profundidade, xa que durante un ano e medio, a miña nai viviu na nosa casa e ía todos os días a un Centro de Día privado. Víñana buscar todas as mañás ás 9:30h e traíana as 18:15h pero cada vez que íamos a algunha outra xestión persoal como ir ó seu médico de familia, necesitábamos coller un EUROTAXI. Sempre que había xente na porta do Centro de Saúde ó que pertenciamos a pregunta era recorrente, ¿onde atopou vostede este taxi? ¿como fixo? ¿costa o mesmo que os outros taxis? ¿pódeme vostede facilitar o número de teléfono? e unha longa ringleira de preguntas que me facían os que alí estaban.

Este servizo público de Taxis adaptados o EUROTAXI, é un tipo de vehículo que a súa adaptación require unha maior inversión que un taxi tradicional, o custo destes vehículos encarecese bastante, e a maiores o condutor require máis tempo para baixar o usuario que un taxi “normal”. Ata onde eu sei, todos o podemos comprobar, incluso os concellos lles daban algunha subvención ó final de cada ano por manter este servizo, pero ¿onde esta dita subvención dende fai 4 anos? ¿Non existe, ou non se quere axudar a manter este servizo que se presta ós nosos maiores principalmente?

Reflexións e posibles solucións

Despois de todas estas reflexións miñas, froito das miñas vivencias persoais e tamén de escoitar a persoas que teñen maiores nas súas familias, deixarei reflexións por si alguén me lee ou me escoita.

  • A necesidade de que os nosos maiores poidan seguir vivindo no seu fogar sempre que poidan facelo e queiran, facendo políticas que redunden no seu beneficio.
  • Crear unha oficina de ATENCIÓN Ó MAIOR no noso Concello que canalice todas as preguntas e informacións que necesitan todos os nosos/as veciños/as e as súas familias ó chegar a idade de 65 anos.
  • Dotar á nosa urbe dunha rede de CENTROS DE DÍA de xestión pública; reservando un espazo cando exista un equipamento de titularidade pública, ben da Xunta de Galicia ou do Concello de Ourense.
  • Facilitar polo Concello de Ourense, si fose necesario, a posta a disposición da Xunta de Galicia, de solo para a construción de RESIDENCIAS PÚBLICAS, desenvolvendo PLANS ESPECIAIS DE DOTACIÓNS E INFRAESTRUTURAS.

Este berro no deserto o fago como dicía CARLOS BLANCO naquel monólogo no que se refería a Cataluña, por si alguén me quere escoitar… e quere facelo.

Reflexións dunha socialista que viviu en primeira persoa, moitas destas circunstancias que aquí expoño coa miña nai, e os transmito, por si axudan a outras persoas

Rosa Martínez Rodríguez – Concelleira do PSdeG-PSOE en OURENSE

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba