O Concello de Barbadás organiza este domingo a II Carreira pola Igualdade, unha iniciativa que promove o deporte como ferramenta para a equidade entre homes e mulleres.
A proba, que forma parte da programación do Día da Muller, dará comezo ás 11:00 horas e percorrerá as principais rùas da Valenzá.
Barbadás celebra a II Carreira pola Igualdade este domingo
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou a importancia de reducir a fenda de xénero a través do deporte. «Esta carreira é inclusiva e aberta a todas as idades e capacidades», subliñou. Pola súa parte, a concelleira de Igualdade, Elisabet González, resaltou o compromiso municipal coa igualdade desde todos os ámbitos. Este evento reuniu o ano pasado arredor de 400 participantes.
A carreira conta cun percorrido de 5 quilómetros que pode completarse a pé, en cadeira de rodas, en bicicleta, en patín ou en monopatín. Como novidade, este ano os participantes poden optar por realizar só o primeiro quilómetro para facilitar a inclusión de todas as persoas. Ademais, haberá sorpresas e sorteos ao rematar a proba.

Noemí Pintos, concelleira de Deportes, animou á cidadanía a participar nesta xornada de deporte e reivindicación. «O importante non é gañar, senón formar parte desta iniciativa», afirmou.
O evento conta co apoio de empresas colaboradoras, a Policía Local e os voluntarios de Protección Civil. Durante a presentación, Fernando González, veciño de Barbadás con mobilidade reducida, agradeceu a organización de actividades deportivas inclusivas. O alcalde destacou o seu exemplo de superación e valorou a importancia de seguir apostando por eventos accesibles para toda a cidadanía.