A Policía Local de Barbadás estrea un novo vehículo tras incorporar un todoterreo aos equipos da xefatura.
Esta adquisición reforza o compromiso do Concello coa seguridade da veciñanza e supón unha importante mellora dos medios dispoñibles para os axentes.
Barbadás incorpora un todoterreo á Policía Local
“Coa incorporación deste vehículo cubrimos unha das importantes carencias deste servizo”, afirmou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, durante a presentación oficial do automóbil. O novo todoterreo cumpre cos requisitos medioambientais e de mobilidade, e permitirá á Policía Local actuar con maior eficacia en zonas urbanas, rurais e mesmo en áreas de montaña.
O acto de entrega das chaves contou coa presenza do alcalde; o xefe da Policía Local, Fernando Freire; a tenente de alcalde, Victoria Morenza; o edil de Seguridade e Emerxencias, Daniel Rey; persoal administrativo da Policía e integrantes de Protección Civil.

Este vehículo supón o primeiro paso no proceso de modernización da Policía Local promovido polo Concello. “Está prevista a incorporación dun novo efectivo ao longo deste ano”, anunciou Valcárcel. Ademais, durante os meses de maio e xuño melloraranse as comunicacións coa integración na rede dixital Tetra, considerada polo alcalde como “un gran avance fundamental para que a veciñanza sexa ben atendida”.
Por outra banda, o Concello solicitou á Xunta de Galicia un novo vehículo a través do Fondo de Compensación Ambiental para este 2025. “A mellora na Policía Local de Barbadás será completa ao longo deste ano”, concluíu o rexedor.