Desde o BNG de Ourense animan a participar na folga xeral convocada pola CIG para reclamar salarios e pensións dignas, acceso á vivenda e servizos públicos de calidade.
O portavoz municipal, Luís Seara, e a deputada e candidata nacionalista ao Congreso, Noa Presas, fixeron este mércores un chamamento á mobilización para defender «unha vida digna en Galiza».
O BNG chama a mobilizarse na folga xeral do 11 de novembro
Seara denunciou o impacto da suba dos prezos nos fogares, especialmente na alimentación, os combustibles, os suministros e o aluguer. Segundo indicou, os salarios non medran ao mesmo ritmo que o custo da vida, unha situación que provoca que moitas persoas teñan emprego pero continúen vivindo na precariedade.

Pola súa banda, Noa Presas advertiu de que Ourense presenta peores indicadores económicos e laborais que o conxunto de Galicia. A candidata nacionalista sinalou que a cesta da compra subiu preto dun 35% nos últimos anos, mentres que a vivenda encareceuse un 24% e o transporte un 23%.
Presas tamén situou o acceso á vivenda como un dos principais factores de empobrecemento e criticou os resultados das políticas de vivenda pública da Xunta, lembrando que das 1.800 vivendas anunciadas polo Goberno galego só se entregaron 98.
O BNG participará nos actos convocados o 11 de novembro baixo o lema Galiza en loita por unha vida digna. Presas tamén animou a participar nas mobilizacións do 25N e nas eleccións xerais do 29 de novembro.

