Noticias

BNG e PSOE rexeitan os bonos comercio de 10 millóns de Jácome

O BNG e o PSdeG-PSOE de Ourense rexeitan a proposta do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de destinar 10 millóns de euros a unha nova edición dos bonos comercio.

Ambas formacións cuestionan o obxectivo e a eficacia da medida, mentres os socialistas alertan dun informe desfavorable do órgano municipal de xestión económica.

BNG e PSOE rexeitan os bonos comercio de 10 millóns de Jácome

O portavoz do BNG e candidato á Alcaldía, Luís Seara, avanzou que o seu grupo non apoiará a iniciativa. A formación nacionalista lembra que xa respaldou unha edición anterior, malia discrepar do formato e presentar unhas bases reguladoras alternativas que foron rexeitadas.

BNG e PSOE rexeitan os bonos comercio de 10 millóns de Jácome

«O BNG non vai permitir que Jácome utilice cartos públicos para mercar votos», afirma Seara. Considera que o alcalde non demostrou interese polo comercio local durante o actual mandato.

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE cuestiona que unha nova inxección puntual de diñeiro público resolva os problemas estruturais do comercio. A súa portavoz e candidata á Alcaldía, Natalia González, reclama explicacións sobre os resultados permanentes que pretende conseguir o goberno municipal con este investimento.

As socialistas preguntan se a medida contribuirá a recuperar locais baleiros, facilitar a apertura de negocios ou mellorar a accesibilidade, a mobilidade e a modernización dos establecementos.

Ademais, o PSOE advirte de que o expediente incorpora un informe desfavorable do Órgano de Xestión Económica e Orzamentaria. Este alerta dos riscos para a estabilidade financeira do Concello. A formación considera que os 10 millóns permitirían impulsar actuacións de maior alcance, como a rehabilitación de vivendas baleiras, a recuperación residencial dos barrios e a mellora dos espazos comerciais.

O grupo socialista lembra que xa propuxo un Plan de Vivenda 2026-2030 nos orzamentos municipais e avanza que estuda presentar unha alternativa para priorizar este investimento.

«Un bono de consumo pode incentivar unha compra. Non substitúe unha política económica», sostén Natalia González, que reclama ao alcalde unha estratexia a longo prazo e mecanismos para avaliar a eficacia do gasto.

Botón volver arriba