Colaboraciones

Carlos Casares e o Liceo de Ourense

Carlos Casares e o Liceo de Ourense – José Luis Troitiña Mota, Xerente do Liceo de Ourense

Ourense, a cidade onde naceu Carlos Casares, caracterizase por ser un lugar propicio para as tertulias, a conversa plural e tolerante, e pola defensa da palabra. Outras localidades identifícanse cun modo de ser diferenciado, como polo afán de traballo, a súa inclinación ó deporte, o fomento do estudio e da cultura, e sobre outras moitas actividades do ser humano. Ourense é a palabra, o diálogo.

Ourense, sempre Ourense

Carlos Casares e Antón Tovar

Neste entorno Carlos Casares sentíase feliz, xa que significábase o pleno desenrolo do seu modo de ser. Dende sempre integrouse nas tertulias ourensáns, a do Café Miño polas mañás e a do Liceo polas tardes. Cando acudía a impartir algunha conferencia ou calquera outro acto literario, ademais de desenrolar con rigor a actividade encomendada, completaba a súa visita a Ourense exercendo como auténtico cidadán da nosa terra, e participando nas vivencias que nos caracterizan.

Don Ramón Otero Pedrayo dicía que os ourensáns non somos xente loitadora, tampouco emprendedora, xa que ó través da historia caracterizámonos por un ritmo de vida calmoso, prudente e sosegado. Explica o eminente escritor que con motivo da invasión francesa a nosa cidade acolleu ás tropas napoleónicas como visitantes cos que se podía conversar, facer tertulia, convivir, e en consecuencia non se coñece feito algún de enfrontamento que dalgunha maneira e con toda xustiza expoñen e recordan outras cidades de Galicia. Con toda seguridade os romanos conviviron e foron aceptados en iguais circunstancias.

Carlos Casares e o Liceo de Ourense

Carlos Casares e o Liceo de Ourense
Carlos Casares, socio de honra do Liceo de Ourense

Así somos e así era Carlos Casares. Cando visitaba o Liceo, a xornada adquiría significado propio. Os empregados, os socios, os amigos, e cantos se congratulaban coa súa presencia, sabían de antemán que nos encontrabamos ante un día enriquecedor, tanto para a Cidade como para a entidade liceísta. Carlos integrábase plenamente no facer social, conversaba, realizaba o seu traballo habitual de escritor e periodista, atendendo por suposto ó acto literario que o trouxera á Ourense, pero por riba de todo participaba na tertulia da Sociedade, expresando por medio da palabra os seus coñecementos e o sentido da súa propia existencia.

Na despedida de Casares no cemiterio de Nigrán, Torres Queiruga, no medio dun impresionante silencio, recordounos que todos eramos debedores de Carlos. É certo, o Liceo de Ourense engrandeceuse culturalmente, adquirindo o máis alto nivel da súa historia social, atopando en Carlos o aglutinador intelectual que realmente necesitaba. Toda actividade literaria pasaba pola súa dirección, polo seu apoio, e nada se facía sen a súa xenerosa contribución. Xamais os liceístas poderemos pagarlle, e sempre seremos debedores da súa amizade.

O legado…

Carlos Casares e o Liceo de Ourense
Juan Cruz e Carlos Casares

No recordo de todos están os tempos nos que coñecimos a D. Ramón Piñeiro, o cal nos deu a comprender unha nova Galicia, como tamén a D. Basilio Losada, que dende o seu aloxamento da terra nos expresaba o mellor sentimento sobre o xeito de entender a nosa historia. Outros escritores de diferentes lugares de España acudiron ó Liceo da túa man, e algúns como Rosa Regás e Haro Tecglen manifestáronos sempre o afecto que emanaba da túa persoa, recordando a bondade que mostrabas cara os demais aínda cando apreciaras algún disparate  no seu proceder. Remato falándoche de Manolo Vicent, Juanjo Millás, José Mª Merino, Fernando Delgado e Juan Cruz, con quen compartimos días de amizade e de literatura.

No camiño da súa historia o Liceo significouse como a manifestación dun diálogo plural e dunha convivencia en paz. Carlos Casares foi o seu mellor abandeirado, culminando o modo de ser, sentir e vivir da Sociedade, e por elo a nosa gratitude e admiración a súa persoa será permanente, e estará por sempre no corazón dos liceistas e dos ourensáns.

José Luis Troitiña Mota, Xerente do Liceo de Ourense

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba