A 42ª Copa Deputación de Judo puxo o punto final á súa edición de 2026 o pasado sábado no Pazo dos Deportes Paco Paz, onde se celebrou a terceira e última xornada dunha competición que reuniu a preto de 200 judokas de toda a provincia.
O torneo, considerado o máis importante da tempada a nivel provincial, contou con deportistas desde a categoría Chupetín, para menores de 18 quilos, ata a categoría xuvenil.
A Copa Deputación de Judo reúne 200 deportistas na súa gran final
Como en edicións anteriores, mantívose a categoría Open, que agrupa competidores masculinos e femininos nun mesmo cadro competitivo.

Na competición participaron representantes dos clubs da cidade de Ourense e tamén das escolas de Cambeo, Inmaculada e Baños de Molgas. A última xornada serviu para decidir as clasificacións finais e os podios das distintas categorías tras tres probas puntuables celebradas ao longo da tempada.
A Copa Deputación constitúe un dos principais viveiros deste deporte na provincia e supón a primeira experiencia competitiva para moitos dos seus participantes. Nesta edición, a regularidade e a asistencia ás tres xornadas foron factores determinantes para a clasificación final.
Unha vez rematada a competición, procedeuse á entrega de medallas a todos os participantes. No acto, estivo presente o asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense, Diego Enrique Álvarez.
Durante a cerimonia tamén se realizou un recoñecemento especial ao xornalista Pepe González, coñecido pola súa traxectoria á fronte do programa Ser Deportivos na SER Ourense. A organización destacou o seu apoio continuado ás artes marciais e ao judo provincial desde a fundación do club. Pola súa banda, González agradeceu a homenaxe e asegurou que se retira das ondas, pero non do xornalismo, unha vocación que seguirá acompañándoo.
A edición de 2026 permitiu celebrar o 42º aniversario dunha competición formativa ideada polo mestre de judo Manuel Montero.