Eu escribo en Galego – Alba Guzmán Falcón, estudante, escritora e acordeonista.
Podería empezar falando da muller forte e independente que son, da rapaza de 20 anos coa autoestima do tamaño dunha balea que escribe en galego porque lle peta, porque sempre foi galegofalante e porque defende a súa identidade por enriba de todo. Pero para chegar a esa muller, hai que tornar ao pasado.
Non sabía nada do pasado
Arancha Nogueria – Dente de leite
descoñecía todo o que era certo , mamá
as cicatrices parecíanme lindísimas
as túas
Escribín en galego porque tiña medo. Porque os meus compañeiros, máis vítimas que culpables, preguntaban ¿Por qué me hablas en gallego?, cos olliños cheos de sorpresa, cada vez que o tentaba. Escribín en galego porque tiña un profesor que daba as clases en castelán pero no taboleiro escribía en galego por se entraba Inspección pola porta. Porque as historias da guerra civil que contaba a miña avoa estaban en galego. Escribín en galego porque non me atrevía a falar galego, porque non sabía traducir morriña, porque «te quiero» e «quérote» non era o mesmo. Porque o de dentro, iso que os filósofos chaman alma e os científicos ADN, estaba en galego .
atrévete a facer da palabra
Lucía Aldao – Todo isto antes era noite
líquido de contraste
Escribo en galego porque o sistema educativo nunca se preocupou de que o escriba e non me queda outra que preocuparme eu. Porque non culpo aos irmandiños, nin a Rosalía, nin a Toni Cantó de ser herdeiros dunha traxedia, pero tampouco vou deixar que esa herdanza me consuma. Escribo en galego porque Tolstoi dixo que todos pensan en cambiar o mundo, pero ninguén pensa en empezar por cambiarse a si mesmo, porque hai que coidar a man que nos da de comer. Escribo en galego porque ás veces atrévome a falar galego, porque non sei traducir morriña, porque «te quiero» e «quérote» non é o mesmo. Porque o de dentro, ese concepto que para Manquiña es el concepto, está en galego .
Porque non sei quen es
Olga Novo – Feliz Idade
e aínda así espérote
Escribirei en galego porque non teño 20 anos, teño 17. Porque non sei cando pero chegarei a ser unha muller forte e independente, cada día máis, ata que teña a autoestima do tamaño dunha balea. Escribirei en galego para que os meus compañeiros lean en galego e os sistemas educativos repasen a lección de cultura, para tratar de facer saber ao
mundo todos os días que aquelo que menos apreciamos como pode ser un bico de rutina, un café polas mañás ou unha lingua é o que nos fai ser quen somos. Escribirei en galego porque atrevereime a falar sempre en galego, porque non saberei traducir morriña, porque «te quiero» e «quérote» endexamais será o mesmo. E porque o de dentro, iso que che peta na caixa do peito precisamente para que fagas o que che pete, sempre estará en galego.
Eu escribo en Galego – Alba Guzmán Falcón, estudante, escritora e acordeonista.