Xinzo de Limia prepárase para acoller unha nova edición da Festa do Esquecemento, que este ano celebra o seu XXV aniversario, baixo o lema Annus Argenteus.
A celebración histórica terá lugar do 22 ao 24 de agosto cun completo programa de animación, espectáculos e música en directo.
Xinzo revive a historia coa XXV Festa do Esquecemento
Do 22 ao 24 de agosto de 2025, a vila transformarase nun auténtico campamento galaico-romano con actividades para todos os públicos, consolidando o seu interese turístico local e a súa conexión co pasado histórico da comarca.

Durante tres días, as rúas e prazas encheranse de animación de rúa, espectáculos de lume, recreacións históricas, desfiles e concertos. A música itinerante correrá a cargo de formacións como Turdión, Cidade de Antioquía, Son de Lugh, Lirolaio, Tambukada de Lugo ou Bloco Trifulka, que porán ritmo á celebración dende o comezo ata ben entrada a madrugada.
O regreso de Marte, Vulcano e os deuses do Inframundo
O venres 22 de agosto comezará coa inauguración oficial no Parque do Toural, seguida de animacións como Minotauro e Deusa Persa e os primeiros pasarrúas. Un dos momentos máis agardados será o desfile inaugural con fachos. Este culminará co prendido do Lume Sagrado e o espectáculo de lume “A Furia de Vulcano”, antes do concerto de Broken Peach.
O sábado 23 será o día con máis actividade, cunha intensa programación que inclúe o Mercado artesanal e zona infantil. Tamén haberá exhibicións de gladiadores como Lucius Spiculus, os Xogos Olímpicos, o Gran Circo Romano e o espectáculo de vodas antigas Conferratio. A xornada rematará con dous concertos: Grimorium e Pelepau.
O domingo 24, a festa continúa coa animación de rúa e a esperada Gran Loita Final tras o cruce do río Lethes. Este espectáculo recrea o momento simbólico de esquecer o pasado e renacer como cidadáns de Roma. O Desfile da Victoria, a entrega de premios e o apagado do Lume Sagrado porán fin a unha edición especial que conmemora 25 anos de historia.
Un evento que reforza a identidade e o turismo
Organizada pola Asociación Cultural Civitas Limicorum, a Festa do Esquecemento reafirma o seu compromiso coa divulgación histórica, o turismo cultural e a participación cidadá. Con máis dunha vintena de actuacións e propostas lúdicas, a festa non só recrea a chegada das tropas de Décimo Xunio Bruto á Gallaecia, senón que ofrece un espazo de encontro e memoria colectiva.