O programa ‘Pupas, sustos e outros desgustos’ ensina ao alumnado de Primaria a actuar ante emerxencias cotiás mediante actividades prácticas e xogos.
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o CEIP Calvo Sotelo do Carballiño para coñecer o desenvolvemento do taller de primeiros auxilios e educación para a saúde Pupas, sustos e outros desgustos.
Máis de 9.000 escolares recibiron formación en primeiros auxilios
A iniciativa, impulsada por Atención Primaria, está dirixida ao alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria e xa formou máis de 9.000 nenos e nenas da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

O programa comezou no curso 2017-2018 na comarca do Carballiño e estendeuse posteriormente a toda a área sanitaria grazas á colaboración dos profesionais de enfermaría e dos centros educativos.
Pardo destacou a importancia de ensinar aos máis pequenos a reaccionar ante situacións de emerxencia a través do xogo, xa que estes coñecementos “nalgunhas ocasións poden salvar vidas”. A formación permite aprender cando e como avisar aos servizos sanitarios e que medidas adoptar mentres chega a asistencia.
Os talleres duran dúas horas e combinan explicacións iniciais con exercicios prácticos en grupo. O primeiro módulo aborda situacións habituais como febre, vómitos, golpes, cortes, queimaduras ou hemorraxias nasais. O segundo céntrase en emerxencias máis graves, como convulsións ou perda de consciencia, e ensina como recoñecelas e actuar ante elas.

